Dende a CIG do HVX propúxose no último Consello Nacional de CIG-Saúde en Santiago iniciar unha recollida de sinaturas en toda Galiza en contra do último acordo da Mesa de Contratacións do Sergas no cal se acordou que o ámbito de aplicación das listaxes, que proximamente sairán publicadas, fora de área.
A proposta que dende Cee se fixo era de dividir as áreas en Norte e Sur, o cal facilitaría a cobertura non só dos novos hospitais comarcais senón tamén a dos centros de saúde de referencia para estes hospitais.
Esta decisión de crear listaxes de área vai en contra da conciliación da vida familiar e laboral ao someter aos traballadores a unha contínua mobilidade xeográfica que oscila dos 70 aos 100 km dependendo da área.
Todos aqueles que estén interesados en asinar en contra das listaxes de área, as follas estarán á vosa disposición nas distintas unidades e no local do Comité de Empresa do HVX.
Posto que previsiblemente a convocatoria de apertura de listas sairá na primeira quincena de febreiro, o vindeiro 29 de xaneiro ás 11hs no Edificio do Sergas en Santiago entregaranse as sinaturas, e está previsto realizar o mesmo día á mesma hora unha concentración en contra das listaxes de área fronte ao edificio do Sergas.