ACTA DE ACORDO DA COMISIÓN CENTRAL DE SEGUIMENTO DO PACTO DE SELECCIÓN TEMPORAL do Servizo Galego de Saúde, DO 15 DE DECEMBRO DE 2008.
ASISTENTES:
Pola Administración:
- Francisco Javier Pena Corredoira
Subdirector Xeral de Políticas de Persoal
- María Ponte García
Xefa de Servizo de Relacións Laborais
- Encarnación Seoane Sánchez
- Alberto López Suárez
- Francisco Morán Losada
Subdirección xeral de Políticas de Persoal
Polas Organizacións Sindicais:
- CIG
María Xosé Abuín Álvarez / Xan Ramón Fernández Cid / Ana Arto Blanco
- CCOO
Irma Cardeso Trillo / Dolores González Lorenzo / Gonzalo García Pocero
- UXT
Luis Jerez Couselo / Rosa María Vilas Vidal
- CSI-CSIF
Carlos J. Cancela Rodríguez / David Dios Núñez / Daniel Otero Castiñeiras / Isabel Faraldo Calvo
- SAE
María Isabel Fernández Abelle
Na xuntanza da comisión central de seguimento do pacto de selección temporal, celebrada o día 15 de decembro de 2008 na sede do Servizo Galego de Saúde en Santiago de Compostela, reúnense as persoas que se indican na relación adxunta e as partes chegan por unanimidade ao seguinte
A C O R D O :
1º.- Aprobar a formalización dunha nova convocatoria de selección temporal para as categorías de persoal estatutario incluídas no proceso selectivo do 29 de xuño de 2006 (DOG do 10.7.2006); con carácter previo ao remate da negociación do novo pacto de selección temporal. As categorías ás que afecta a convocatoria son: médicos de familia, pediatras, odontólogos, persoal de enfermería (ATS/DUE), matronas, auxiliares de enfermería e cociñeiros. Inclúese asemade a categoría de persoal médico de urxencias hospitalarias, cuxa convocatoria de selección temporal foi efectuada coa data do 26 de abril de 2006 (DOG do 11.5.2006).
2º.- Este proceso abrangue as entidades incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade (DOG do 25.5.2007), de conformidade co establecido na súa disposición transitoria primeira.
3º.- Establecer que as listaxes que xurdan da convocatoria derivada do presente acordo permanezan en vigor e inalteradas ata que se formalice a seguinte convocatoria de selección temporal para as categorías de referencia. De tal xeito que o novo pacto sobre selección de persoal estatutario temporal que se aprobe formalmente a través de acordo da Mesa Sectorial -norma arestora en proceso de tratamento técnico no grupo de traballo constituído para tal efecto- afectará ás categorías indicadas só no que atinxe ás súas disposicións normativas (xestión das listaxes); máis non á configuración e orde de prelación derivado destas listas, que serán confeccionadas consonte os baremos do pacto de selección temporal de 2004 (DOG núm. 104, do 1 de xuño de 2004). As listaxes de selección temporal derivadas da seguinte convocatoria serán elaboradas de acordo cos baremos incluídos nos anexos do próximo pacto de selección temporal.
4º.- Determinar asemade que o ámbito de selección das categorías incluídas na convocatoria sexa o de área sanitaria. Este último acordo adóptase coa opinión en contrario da organización CIG, que sostén que para as fundacións hospitalarias o ámbito da vinculación debe ser exclusivamente o da propia fundación, por contraposición ao resto de institucións de atención especializada do Servizo Galego de Saúde.
5º.- Atendendo a petición da organización CEMSATSE, que vén de solicitar a súa participación nas comisións, central e provinciais, de seguimento do vixente pacto de selección temporal, as partes acordan a incorporación da devandita organización ás comisións de referencia, condicionada á súa sinatura e adhesión formal ao pacto.